A Mancomunidade do Ribeiro presentou o mércores 28 de outubro, diante da súa sede, o novo servizo de recollida porta a porta de biorresiduos para a hostalaría e o comercio de A Arnoia, Beade, Cenlle e Leiro, que ata agora non dispoñían deste servizo.
Un vehículo 100% eléctrico
A recollida farase cun vehículo novo 100 % eléctrico, cunha caixa estanca de 6 m³ e elevador traseiro para os colectores. O equipo hidráulico funciona tamén con enerxía eléctrica, polo que o servizo non xerará emisións locais e será moi silencioso, unha vantaxe para as rúas dos núcleos.
O camión recollerá os 60 colectores marróns distribuídos entre os grandes produtores, así como os colectores da rúa que usarán os medianos produtores e as vivendas próximas. Os biorresiduos trasladaranse a SOGAMA para a súa compostaxe, cunha capacidade estimada de 126 toneladas ao ano.
Peche da campaña
A presentación pechou a campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!», na que se realizaron 120 visitas informativas aos establecementos e se distribuíron guías, folletos e adhesivos «Establecemento sostible». Os establecementos interesados en adherirse poden solicitar información no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
O proxecto conta con axudas de 150.000 € para o vehículo e 18.694,50 € para os colectores e a campaña da Xunta de Galicia (expediente EELL-0255-2026-RES, procedemento MT975X), cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.