A Mancomunidade do Ribeiro avanzará na implantación da recollida separada de biorresiduos cunha campaña de visitas porta a porta aos grandes e medianos produtores de materia orgánica de A Arnoia, Beade, Cenlle e Leiro.
120 visitas informativas
O equipo da campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!» realizará 120 accións informativas en bares, restaurantes, supermercados e outros establecementos. Nelas explicarase o funcionamento do novo servizo e a obriga de separar en orixe os biorresiduos, e valorarase o interese de cada local en darse de alta e as súas necesidades de material.
Colector propio e «Establecemento sostible»
Os establecementos adheridos recibirán a guía para grandes produtores e o adhesivo de escaparate «Establecemento sostible». Os grandes produtores contarán cun colector marrón propio, que sacarán á vía pública nos días e horarios acordados; os medianos poderán usar os colectores da rúa.
Para este servizo, a Mancomunidade disporá de 60 colectores marróns identificados para uso exclusivo de grandes produtores. Os biorresiduos destinaranse á compostaxe en SOGAMA. Os establecementos interesados en adherirse poden solicitar información no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal. As actuacións forman parte do proxecto de implantación da recollida porta a porta de biorresiduos de grandes produtores na Mancomunidade do Ribeiro (expediente EELL-0255-2026-RES, procedemento MT975X), que conta cunha axuda de 18.694,50 € da Xunta de Galicia para os colectores e a campaña, cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.